Parte da Colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) viaxou a Vigo para integrar unha exposición que xa se exhibe no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). A comisaria Virginia Torrente seleccionou 84 obras dun fondo de 1.500 pezas, posteriores aos 60, unhas adquiridas ao longo dos seus case 18 anos e outras procedentes da colección Arco, en depósito no museo compostelán.
Na presentación da mostra 89 qm. Colección CGAC, o director da institución, Miguel Von Hafe, explicou que esta exposición, a maior realizada cos seus fondos fóra do museo, cumpre o seu propósito de visibilizar "a colección de arte contemporánea máis completa de Galicia". Von Hafe confirmou a súa intención de constituír unha comisión profesional destinada a novas adquisicións "cunha visión máis ampla e futurista", xa que, segundo o actual xerente, "até agora as compras estaban demasiado pendentes dos gustos persoais dos directores". Virginia Torrente, quen asegurou traballr na escolla das pezas "con liberdade absoluta e sen cotas", dixo percibir ese criterio no seu achegamento ás obras do CGAC, cabo das pautas que marcan o rumbo dos fondos: facer memoria da programación do museo mediante a compra dalgunha peza das exposicións, atención a América do Sur e interese polos artistas galegos.
A mostra, titulada en alusión á distancia entre os dous museos, está disposta en seis salas da planta baixa do Marco. Correspóndense con outros tantos eixos temáticos.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 11 de junio de 2010