Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
A VER

Pechar unha libraría

Móvese todo baixo os nosos pés e se alguén non o nota debera pensar que está sumido nun sono moi profundo, a que esperte o mundo verá que o mundo é outro. A cultura relacionada co libro vive á espreita dun terremoto que nos ameaza e xa se deixa sentir. Leo que unha libraría, outra, pecha, a Michelena de Pontevedra. Non podemos ignorar esas novas, debemos ser conscientes e actuarmos en consecuencia: cando cerra unha librería perdemos algo e non temos nada para pór no seu lugar.

Historicamente, até agora, houbo un consenso, unha parte da creación cultural que non era espectáculo debería ter o seu lugar. Porén, vemos como día a día os medios de comunicación, que son os que artellan e regulan a vida social, xa non consideran que haxa que protexer e manter a cultura máis esixente, máis complexa e profunda. Seguen a tendencia ideolóxica que nos leva: hai que deixarse levar polas forzas do mercado, na vez de pórlle límites hai que entregarse á forza dominante. Todo está a conducir a que desaparezan diques e límites, a que os máis fortes traguen os débiles e a cultura en xeral e as artes en concreto son moi débiles. Só poden existir se se protexen.

A ideoloxía do Goberno galego claramente é a de desprotexer os débiles. Eis a ruptura coa política de protección e promoción da lingua galega, faise para que sexa tragada pola máis forte, a que ten todas as vantaxes e poderes. A iso responde tamén que se recurten subvencións aos editores galegos.

É natural. A súa idea integrista de España, a súa distancia cos intereses económicos e empresariais puramente galegos, xunto a súa hostilidade cara aos escritores en lingua galega, eixo simbólico da nosa cultura, conduce a desprotexer á nosa industria editorial. A un habíalle gostar dicirlles que non hai incompatibilidade entre ser de dereitas ou esquerdas e sentirse orgulloso de termos unha lingua propia e de pular pola súa normalización social. A un habíalle prestar crer que un se pode saber cidadán español e tamén cidadán galego. Mais o certo é que, a diferenza de Catalunya ou Euskadi, entre nós nunca existiu realmente unha dereita galeguista. Os anos de Albor e Fraga, anos de relativo recoñecemento da nosa identidade e lingua, foron unha anomalía. Núñez Feijóo veunos recordar que a dereita de aquí é sumisa aos intereses centralistas e antigalega. Lástima, mais aí está, diante dos nosos ollos, esa política hostil de recurtes no medio dunha crise económica e dunha crise de todo o sector editorial. E un contempla cun algo de pasmo como os nosos libreiros, editores, escritores, non comprenden que afrontan a súa mesma existenza e non se unen para afrontar o desafío.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 11 de junio de 2010