Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

A cuarta novela de Agota Kristof, en galego

Onte, da escritora húngara Agota Kristof, e Dez, do italiano Andrej Longo, conforman as novas apostas de Rinoceronte, a editora especializada en tradución radicada en Cangas do Morrazo.

Non é a primeira incursión de Kristof na lingua galega. Nada en Csikvánd en 1935, Xerais pasara O gran caderno ao galego (2000) na colección Abismos. Esa obra, canda A proba e A terceira mentira, conforman a triloxía Claus e Lukas, nomes da parella de cativos que as protagonizan. Kristof, que se exiliou do seu país natal logo das revoltas de 1956 e redacta os seus textos en francés, titulou Onte o seu cuarto libro, orixinal de 1995 e traducido por Isabel García Fernández.

"O exilio, o desarraigo e a vida de autómata dun obreiro industrial aparecen esbozados nesta narración concisa, fría e transparente", sinala a contracapa da edición de Rinoceronte. O estilo da autora húngara, residente en Suíza, caracterízase pola sequidade, a crueza, a violencia simbólica e non só. Con ecos que rebotan nos filmes de Michel Haneke -situacións cotiás que agochan relacións de dominio brutais-, en Onte trázase "unha realidade gris, unha vida de mentiras e de renuncias". "Non me interesa a literatura", chegou a afirmar nunha entrevista con este xornal hai tres anos, "e o meu xeito de escribir procede do teatro: o xusto, sen recheo, sen graxa. Para que dar voltas? Para facer literatura? Non me interesa".

Os dez mandamentos

Dez, do italiano Andrej Longo e publicada en italiano en 2007, xunta unha decena de relatos baseados nos dez mandamentos bíblicos. En galego da man de María Cristina González Piñeiro, a obra de Longo (Ischia, 1960) supón o segundo achegamento de Rinoceronte á literatura italiana contemporánea, logo da negrísima novela Pericle o negro, de Giuseppe Ferrandino. "En Dez, Andrej Longo encárgase de trazar o mapa da dor, da violencia, das condicións degradadas de vida", expón a nota editorial, "en que o ser humano resulta somerxido e esmagado pola miseria que contribúe a producir".

Longo, cuxo nome de pía foi unha homenaxe de seu pai ao Guerra e paz de Tolstoi, tamén traballa na dramaturxia, no guión cinematográfico e no oficio de pizzero. Segundo a lapela da edición galega de Dez, o libro fora rexeitado por once editoras diferentes antes de aterrar en Adelphi.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de junio de 2010