Nin é músico nin quería facer electrónica con ordenador portátil, así que Miguel Harguindey decidiu crear un instrumento para interpretar a súa música "de xeito aleatorio". Acabou facendo, como lle chama el, un "parchís... pam... pum". Un taboleiro de parchís, con sintetizador e vídeo, é toda a produción do seu último proxecto audiovisual, Political Personal Disaster [Desastre Político Persoal], no programa do International Festival for the Post-Digital Creation Culture (OFFF), do 24 ao 26 deste mes en París. As pulsacións da mestura, dispoñibles na súa páxina web, aboian entre o caos e as frecuencias do house "segundo o dado que sae do gobelete para marcar as notas". Un proxecto que integra desenvolvemento tecnolóxico de baixa fidelidade, son e imaxe "desde un punto de vista lúdico, experimental e desprendido de complexos perfeccionistas, formais e académicos".
Xa fora seleccionado no polaco Transvizualia, e puido verse en Lisboa e Santiago, no Festival dos Abrazos, mais ao artista ribeirense, de 41 anos, delineante de oficio -"aquí hai que ter un traballo normal"-, sorprendeulle recibir un convite así por correo electrónico. "Escribíronme dicindo que accederán ao meu traballo por casualidade, eu nin pensara en enviarllo". O OFFF, central no mundo da cultura dixital desde comezos da década, con sedes itinerantes en Europa e Estados Unidos, xunta este ano á icona do deseño tipográfico Neville Brody, con traballos para o xornal The Observer e a banda tecno-pop Depeche Mode, a Hillman Curtis, un dos primeiros creadores de short films para a Rede, ou Joseph Kosinski, director da secuela de Tron, entroutros artistas dixitais. A presentación de Political Personal Disaster dentro do OFFF terá lugar no espazo Loopita, reservado para a electrónica experimental.
Nas interseccións entre arte contemporánea e activismo social, Harguindey bromea cos discursos que cuestionan a vocación política da cultura posvisual. Se ao final o que falta é visibilidade, ao artista ribeirense parécelle que a arte dixital difúndese "de sobra". "Está suficientemente integrada como unha disciplina máis, agora estamos adaptando o que fixeron os pioneiros".
Entre as referencias do seu traballo, que adoita mesturar fotografía, pintura e vídeo, están "os supermercados, as estacións de tren e os paseos pola rúa". As súas imaxes xa penduraban na exposición colectiva En torno a Atlante, que chegou a Barcelona desde o Outono Fotográfico ourensán, con motivo do aniversario do afundimento do Prestige. En 2006 levou o premio Luis Ksado por Breve prontuario de peixes e pareceres. A composición, sen fotomontaxe, fíxoa cos peixes que atopou tirados no porto de Santa Uxía de Ribeira, onde naceu.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de junio de 2010