Con 20.000 euros menos de orzamento por mor da rebaixa da Consellería de Cultura, que este ano achega 10.000 euros no canto dos 30.000 acordados, a 27ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arrinca hoxe cun programa que abrangue funcións nas salas, espectáculos de rúa, obradoiros, presentacións editoriais e encontros profesionais, mais carente dalgunhas montaxes que a organización, a Asociación Cultural Xiria e o concello cangués, tiña previsto inserir.
O que o recurte se levou por diante consiste en seis producións de Brasil, Italia, Cataluña e Madrid (El Coloquio de los Perros de Teatro de la Abadía era unha das máis agardadas), e dúas galegas. O mantemento da aportación municipal (19.000 euros), o incremento da subvención da Deputación (de 1.000 a 6.000 euros), xunto coas contribucións procedentes de empresas e de colectivos sociais e mais a recadación obtida da venda de entradas, son os piares nos que se apoiaron os promotores para defenderen o festival de teatro máis antigo do país.
Deica o sábado 10
Os Cómicos dell'Auto de Teatro de Ningures, na Alameda Vella (18.00 e 21.00 horas), o pregón da actriz Mónica Caamaño (22.00 horas, Auditorio Municipal), seguido, no mesmo lugar da función Chirigóticas da compañía andaluza homónima, e Life is a paripé, dos Galegos Obras Públicas (00.00 horas, Salasón) son as propostas que inauguran nove días nos que se estreará o último do mimo belga Elliot, O gladiador do humor, e a montaxe Hámster dos madrileños Sala Triángulo sobre textos do morracense Santiago Cortegoso, entre outras. Os galegos Tanxarina protagonizarán unha das primicias do certame, Trogloditas, con escenografía de Pablo Pastor e dirixida por Evaristo Calvo (venres 9 e sábado 10, Paseo do Sinal). A mestura de clown e pantomima de Mimirichi Teatro de Kiev, Guerra de Papel, e Folk Oral de Carlos Blanco clausurarán o encontro o día 10.
Como novidades, a sección De Gorra, aberta aos cómicos ambulantes e a exposición Photo Teatro, coproducida co Festival de Teatro Fazer a Festa de Porto na que os espectadores se fotografan como personaxes. A celebración das Xornadas da muller, o encontro de revistas de teatro e unha conferencia de Lino Braxe sobre a relación de Luís Seoane coas artes escénicas completan o programa.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 2 de julio de 2010