O Goberno galego vai queimando etapas. En Cultura, despois dunha primeira fase de cortar cabezas e matar nervios sensibeis, unha fase de doma traumática, agora xa se cren capaces de ir soltando corda sen que a besta se desmande. Así compre entender a volta dos Premios da Cultura anunciada o martes.
No primeiro que pensaron foi no acto de entrega: a localización, a TVG, a música, o formato de entrega, os discursos, a mantedora, a elección do público para que non haxa pancartas nin asobíos, moito menos que alguén da kale borroka salte a escena e lle estampe un bolo de merengue nos morros a quen non debe, converténdoo en estrela de YouTube e afogando as súas lexítimas aspiracións.
Revisado cada aspecto, o conselleiro Varela dirixiuse a Feijóo: "Estamos preparados, presidente". Un retoque aquí e outro acolá, e listo. Vexamos os retoques: neles concéntrase a visión e o manexo da cultura que leva a cabo o PP.
A quen isto escrebe non lle gustaba o de premios da "cultura", preferiría que fosen das "artes", pero iso son patacas miúdas, e iso non se retocou. O primeiro retoque foi o de facer desaparecer os premios case dous anos. O segundo retirarlles a categoría de nacionais. O terceiro, decisivo, a composición do xuri, que pasa de estar integrado por quince colegas dos premiados a estar composto por: O conselleiro, o director xeral, un secretario con voz e sen voto da consellería, os tres rectores, o presidente do Consello da Cultura, o presidente da RAG, a presidenta da Real Academia das Artes Nosa Señora do Rosario e catro persoas tamén designadas pola consellería, por suposto de recoñecido prestixio, ou sexa, de confianza. En total doce membros dos que controlan directamente a seis e medio. E ás institucións non directamente dependentes díselles: "ou persoa designada", como dicindo: asegurádevos de mandar alguén educado. Non se di "o conselleiro, ou persoa designada".
Isto é o de menos. Os méritos artísticos xúlganos agora as institucións e os centros educativos superiores: a arte como pedagoxía e parte das engranaxes e redes de lealdade das elites enxebres, a arte como marcador social e lexitimador simbólico de os que tiran do carro, un xuri disposto a non dinamitar pontes e a participar nesta maniobra de baleirado e suplantación dunha iniciativa do bipartito, e por convite e da man dun Goberno que ten como principal obxectivo (por descarte, xa que cartos que manexar non sobran), liquidar todo sinal de identidade da nosa cultura.
O seguinte retoque consiste en eliminar a dotación de 15.000 euros por categoría e sustituíla por un diploma, o mesmo Goberno que subvenciona os touros, os quads ou o paintball.
Por último redúcense as categorías de 10 a 7. E digo eu, a que vén iso? Para aforrar en diplomas? Pero xa sabedes, sempre hai que pensar que o inimigo é máis listo e que perseguen o de sempre, a propaganda e o medo: primeiro, deixar ver que se reduce algo, o que sexa, para adaptarse aos tempos de austeridade, neste caso tres diplomas. Segundo, manter en alerta aos sectores facéndolles chegar a mensaxe de que hoxe caeron tres pero o ano que vén pode tocarlles a eles, que todo o que se consegue é concedido e que todo depende.
Que ocasión para que os galardoados rexeiten o premio! Non nos tanteos senón no último instante, alegando que non se queren tratos cos lingüicidas do Decreto. Total que se perde? Un diploma.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 15 de octubre de 2010