Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Feijóo acepta a renuncia de Fernández Paz ao Premio da Cultura

"O único que podemos é defender a liberdade lingüística, a liberdade de votos dos xurados e a de recoñecer aos mellores creadores con indenpendencia dunha ideoloxía sobre un asunto determinado". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referíase así á decisión do escritor Agustín Fernández Paz de rexeitar o Premio da Cultura Galega que lle foi outorgado o martes. Feijóo dixo respectar a postura do escritor, pero insistiu en que o nomeamento dos premiados non ten nada que ver con criterios políticos. "Está no seu ámbito de liberdade se recollen o premio ou non", afirmou.

O autor d' As flores radiactivas foi o único en dicir non ao galardón da Xunta, que tamén recoñece á Fundación Barrié, á pintora Menchu Lamas, ao dramaturgo Eduardo Alonso, á editorial Galaxia, á produtora Vaca Films e a Orquestra Sinfónica de Galicia. O escritor xa expresara o seu desacordo con estes premios en varias ocasións, pero a súa renuncia pública concretouse o pasado outubro, cando asinou o manifesto Rosalía de Castro nunca aceptaría ese premio, promovido polo colectivo ProLingua ante a proximidade do fallo. No texto, os asinantes comprometíanse a non aceptar "ningún premio que viñera hipotecado pola agresión á mesma cultura á que se finxe exaltar".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de noviembre de 2010