Eu leo con moita alegría as noticias que chegan de Ourense. Quero dicir, as boas novas. Máis en concreto, as noticias que teñen de ver coa Deputación de Ourense e co seu presidente, señor Baltar. A verdade é que nunca pensei que o paraíso fora ser un ente provincial.
Mais velaí.
En xeral, a impresión coa que un fica despois de ler o xornal e de ouvir e ver os informativos é a de que habitamos un fin finito. Ese é un termo psicoxeográfico moi preciso, inventado polo caletre vedoiro de Antón Patiño no poema Cemiterio oceánico: "Diante do finfinito / mirada azul lonxe / ateigada de silencio...".
Si señor, o Finfinito! Todo é Finfinito, agás Ourense.
O poema de Antón Patiño está inspirado no cemiterio de Fisterra, proxectado por César Portela. Vense de publicar agora un libro sobre esta obra, que figura sen dúbida entre o máis senlleiro da arquitectura mundial contemporánea. É unha edición de Carlos Martí Arís (Archivos de Arquitectura, España siglo XX). Nese cemiterio único ocorre algo extraordinario: non hai mortos enterrados. É un cemiterio que interesa moito aos vivos, mais onde os defuntos pasan de lonxe. Entre os textos dedicados a este camposanto excepcional, concibido na ladeira do máis lendario linde, hai unhas anotacións de Santiago Lamas que non teñen perda. Datadas no Nadal de 1999, subliñase aí a xeral "perplexidade" que o proxecto causaba cando naceu. E Lamas atrévese a facer unha profecía: "Este cemiterio tardará anos, dez, talvez vinte, en ser aceptado e comprendido."
A verdade é que eu nunca pensei que o paraíso fora ser un ente provincial. Mais velaí
Aínda que non o saiba nin Baltar, a Deputación de Ourense responde ao modelo chinés
"Cemiterio libre", chama Santiago Lamas a este espazo de maxistral abraio. Sen peches, sen valados. Ou como di o propio Portela, arquitectura do "entre". Entre vida e morte, entre mar e ceo, entre comezo e fin. Pasaron máis de dez anos e o "cemiterio libre" segue baleiro. Ninguén repousa alí.
Ou ao revés. Ao mellor, todos, dalgún xeito, andamos por aí. Nese "entre". Nese between. No Just Between. Entre o ser e o non ser. No puro Finfinito!
Que é o que fica fóra do Finfinito?
O mundo está en crise. España está en crise. Galicia está en crise.
Polas contas que vexo, fóra do Gran Finfinito soamente está Ourense. E non un Ourense abstracto, senón o ser en si e para si. O ser auténtico. O ente dos entes. O ente provincial.
Andan por aí á procura de expertos. Ninguén confía en ninguén. Todos os cerebros xuntos do FMI non viron un burro a tres pasos. Agora, todo é recorte. Todo é demouca. Todo é pouco.
Os gobernos non gobernan. Obedecen. Gadañan. Pechan. Finiquitan.
Só hai un lugar onde capean todos os temporais. Só hai un ente co que non se atreven os organismos internacionais, o Banco Central Europeo, o G-20, o Foro de Davos, o Banco de España, a Escola de Chicago, Carlos Luís Rodríguez, The Wall Street Journal, a FAES de Aznar, o Círculo de Empresarios de Vigo, nin sequera frau Merkel. A Deputación de Ourense.
As pantallas están cheas de políticos camanduleiros, de expertos farfalleiros, de economistas fouchos. Non importa a teoría ou a procedencia. Todos semellan partillar unha inconfesa desorientación. E a inmensa maioría só atina cunha receita. Achicar máis o sector público.
Din que non hai alternativa, que non hai outra. Iso pásalles por non ir a Ourense.
E nas televisións vemos sempre as mesmas caras coas mesmas cantilenas. A igual que nas tertulias radiofónicas.
Por que nunca aparece o único estadista que resiste a crise? O estadista provincial! O señor Baltar.
As cifras cantan. Mentres todo se privatiza, en Ourense se ensaia unha nova alternativa: medra o sector público ao tempo que se privatiza. Comprendo que é difícil de entender para os dogmáticos dun e outro signo. Mais o que se está a experimentar en Ourense é unha alternativa que se asemella en certo xeito ao que algúns cibernautas chaman Creative Commons. Mentres todas as administracións reducen persoal e mesmo suspenden oposicións comprometidas, o milagre ourensán presenta 70 procesos de convocatoria de emprego no Sagrado Ente Provincial. No período do congreso provincial contratáronse 500 persoas, co dato polo demais anecdótico e secundario de seren militantes ou simpatizantes do baltarismo. Que é o baltarismo? En xustiza, a corrente máis integradora nunha España marcada polo sectarismo, pois o mesmo incorpora as súas filas a un rudo sindicalista radical que a quen era líder da súa oposición provincial. Fronte a un concepción liñal da política, o baltarismo representa un modelo de esgueira.
No fondo, e aínda que non o saiba nin Baltar, a Deputación de Ourense non deixa de responder ao modelo chinés, pero nun estilo máis auténtico, máis comunista, máis fraternal, máis familiar. Fronte ao presidente Baltar, o primeiro ministro chinés Wen Jiabao é un frouxo revisionista ao que un día, no entroido de Xinzo, vanlle soltar un dragón. O mesmo que xa papou un día a Rajoy, a Feijóo e a toda a comitiva.
En España desaparecerán talvez as comunidades autónomas. Os concellos rurais pasarán a ser xestionados nas fiestras dos tanatorios e os urbanos nas oficinas de reclamacións das Grandes Áreas Comerciais. Mais só dúas cousas sobrevivirán con todo esplendor. A inmemorial Deputación de Ourense e o novo parque industrial chinés Praza de Oriente inaugurado onte en Fuenlabrada.
O resto, a ver se nos acomodamos un pouco no Finfinito.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de febrero de 2011