"Hai 15 anos non podería imaxinar que poderías experimentar estas cousas na túa propia casa". Ninguén mellor que Nicolás Pastoriza para opinar da evolución da música e os seus formatos nos últimos anos. Pastoriza é un dos músicos mais rebuldeiros da escena viguesa desde a movida, un artista irredutible e un orfebre do pop que traballa cada unha desas pequenas xoias de cancións que deixou en La Marabunta, Bromea o que?, ou nos últimos anos nesa elegante banda que foi Ectoplasma. Nicolás Pastoriza é agora Nicolás a secas, e acaba de grabar o seu primeiro disco en solitario, Hoy le disparé al presidente y otras canciones de amor, un disco producido por Gonso Pedrido, que lanzará na rede e en formato vinilo.
"Estes formatos pequenos son para tocar, pero tamén para a promoción"
Pero non é este o único proxecto inmediato de Nicolás Pastoriza. Este mesmo mes abrirá a súa nova web, nicolasycia.com, e irá colgando as gravacións da sección mais curiosa, Tomando té con Nicolás, na que convidará a diversos músicos a tocar na súa terraza. "Serán actuacións con músicos amigos e a idea é que queden como retransmisións, cousas feitas con amigos artistas na casa, pero que poidamos compartilas coa xente. Se hai clases de inglés e porno caseiro desde a casa, por que non concertos?" pregúntase. "Para min é moi curioso o repregamento cara á intimidade. Creo que é o resultado dunha búsqueda de fórmulas para mover as túas creacións, porque non todo o mundo pode chegar ós grandes concertos", reflexiona Nicolás Pastoriza.
Na terraza da súa casa, onde os seus amigos tomarán o té con el, non haberá sitio para mais de dez persoas, que serán convidados e amigos. Pero o músico ten moi claro a filosofía do seu espazo."Podes facer algo íntimo e pequeno na túa casa e que chegue a moita xente. Eu poño o mesmo mimo nas cousas se son para dez persoas ou para cen mil, ante todo a creatividade", afirma o que fora líder da banda Ectoplasma, que está ultimando a súa nova web que plantexará como un "espazo multiusos con letras, blog e cancións". Ao mesmo tempo, Pastoriza xa prepara a nómina de músicos ós que convidará a tomar o té na súa terraza na vindeira primavera. Desde Roi Basanta (The Blows), pasando por Eladio Santos, Óscar Avendaño de Siniestro Total ou Amaro Ferreiro.
Por suposto que pola terraza tamén pasará a degustar o té o seu bo amigo Iván Ferreiro, co que está gravando nestes días un disco-conto para nenos, que levará por título El niño con la raqueta frente al espejo. Entre disco e disco, e gravación e gravación, o novo artista chamado Nicolás atenderá a súa terraza no tempo libre. "Este tipo de ideas, de formatos pequenos son para tocar, para estar activo, pero tamén unha ferramenta de promoción. Antes había que esperar na radio a que soase a canción que che gustaba, pero agora a xente xa pode coñecer en tempo real o que estás facendo", declara este coñecido músico da escena viguesa.
Pastoriza pretende converter a súa terraza nun espazo "aberto para todo o que queira entrar, para facer concertos acompañado de amigos e montar algo así como un híbrido entre un showroom e un proceso de creación". O músico propón que desde as actuacións na súa terraza, o público poida ir seguindo desde a súa casa todo o proceso de creación, desde o ensaio ata a gravación, pasando polo que é o proceso de materialización dunha canción. "Esta é a avantaxe que teñen estes pequenos formatos, a cercanía e a familiaridade, e por iso creo que proliferan os espazos pequenos para tocar en acústico e as formas minúsculas, ademais de evitar desprazarse, que hoxe mover unha banda custa demasiados cartos", opina Pastoriza.
Como apunta tamén o sociólogo Xosé Ramón Nóvoa, "estes pequenos formatos, sexan en terrazas, en salóns ou habitacións, son formas de distanciarse do estereotipo establecido nos centros de cultura e nos auditorios, son xeitos de rebelarse que lle gustan á xente". Pastoriza fai o seu apontamento definitivo desde a outra perspectiva, desde a do artista: "Todo isto está moi ben, pero o mais importante é divertirse. Se algo deixa de ser divertivo mellor non facelo". Polo que se ve, moitos anos despois da movida Nicolás segue divertíndose, e mantendo intacta a súa insaciable curiosidade musical. E aínda por enriba, agora tamén convida a té na súa terraza.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de marzo de 2011