Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

A pantasma da loita de clases

Intermitente, como un fantasma que nos persegue, o caso Risco ten o costume de aparecer cando a sociedade galega está a vivir, ou sufrir, unha crise determinada: en 1963/64 foi a aparición de partidos nacionalistas que se reclamaban do marxismo; en 1994, cando o capitalismo globalizado proclamaba a fin da historia. Hoxe, cando a sociedade galega, e non só a galega, está mergullada nunha crise cuxo termo non se albisca e cuxos resultados non se poden profetizar. E volve cando o caso Risco se daba por fechado despois dos "textos fundamentais e brillantes, con diferentes calados e alcances, sobre o caso" (Sampedro). Dá a impresión de que volve para lanzarnos no buraco negro do inmediato e convertir o pasado, como afirmaba Ricardo Forster, "nunha sorte de itinerario de fin de semana onde podemos contemplar desde a nosa absoluta distancia aquilo que xa non ten nada que ver connosco". Mais Risco ten que ver connosco? A resposta foi dada moitas veces, e recentemente nestas páxinas por Suso de Toro e Francisco Sampedro.

Albiscou na irrupción das masas subalternas unha disgregación cultural e política e fíxose nacionalista

Mais o problema non é que Vicente Risco, o Risco pensador e político, volva, senón que o pensamento democrático galego non saiba, dunha vez por todas, desfacerse del. Vicente Risco, é sabido até a saciedade, despois dunha xeira máis ou menos teosófica e mais ou menos democrática, intégrase en 1917 nas Irmandades da Fala, xérmolo do nacionalismo moderno. Tamén se pode afirmar que é o momento en que volve ao catolicismo máis integrista. As causas deste reviramento foron xa explicadas, entre elas está o "impacto" que produciu non só a I Guerra Mundial, senón, e sobre todo, a Revolución Rusa e a toma de poder polos bolxeviques. Máis preto aínda, a folga revolucionaria de 1917 en España. A integración no nacionalismo e a volta ao catolicismo producen no ourensán unha idealización da natureza. Esta, como demostrou Lionel Gossman, significa a idealización da vida campesiña e a mitificación do pasado como procedementos para definir os perigos do presente ou a personalidade dos grupos sociais que se pretende marxinalizar (ou invisibilizar): no caso de Risco, o proletariado galego, non tan escuálido como pensaba. Non hai máis que reler os parágrafos dedicados a este no seu libro máis "demócrata" e menos "irracionalista": El problema político de Galicia.

Mais o problema formúlase(nos) cando se debe explicar por que se integra no nacionalismo galego incipiente. Que levou a aquel que poucos anos antes negaba calquera viabilidade á lingua galega a se afiliar a un movemento para o cal a defensa e promoción da lingua en todos os aspectos, privados e públicos, era primordial? Talvez, para explicalo, habería que situarse fóra do nacionalismo que adoita impregnar os textos explicativos da traxectoria risquián. Situarse, como afirmaba Marcos Pérez Pena en Contra o patriotismo (Non conciliados, 2010), nas batallas reais e decisivas onde "as loitas nacionais xogan, no mellor dos casos, un papel accesorio, cando non funcionan como elemento de desorientación das forzas sociais". E o "elemento de desorientación" neste caso é pensar que o caso Risco -na vertente política- pode ser explicado desde unha ideoloxia máis ou menos nacional ou nacionalista. O caso Risco, que para o que nos interesa comeza en 1917, pódese explicar desde unha ferramenta tan vella como esquecida: a loita de clases.

Desde o momento da súa entrada nas Irmandades -esquezamos o prezo que debeu pagar ao se instalar nunha institución democrática: ao artigo de Sampedro remitímonos-, Vicente Risco, o ideólogo e o político, semella urdir un plano detallado do que debía realizar: 1) definir unha cultura na que a relación co pasado e a relación coa tradición serían vitais (nun primeiro momento esquece a relixión), así como a delimitación precisa da práctica artística, literaria e das ciencias sociais -de aí, a esmagante presenza da etnografía en Nós-; o que debía conducir a 2) un afortalamento do pasado e da tradición como trazos do pobo galego, formado, maiormente, por dúas clases: o campesiñado e os mariñeiros e, por tanto, marxinalización e invisibilización do proletariado e das capas medias democráticas (de aí o choque coa Irmandade da Coruña, como demostraron Ernesto Vázquez Sousa e Antón Capelán)

Con este afortalamento do pasado e da tradición, na esteira dun anticapitalismo agrario propio de clases medias desclasadas, o que intentou -el e algúns outros- coa súa integración no nacionalismo, non era puramente nin a construción dunha literatura nin a salvación dunha lingua, senón resistir os efectos da disgregación cultural e política que albiscaron coa irrupción das masas subalternas. Risco non se revira nos anos trinta porque tema o triunfo do comunismo (esas fases do pensamento risquián en ruptura consigo mesmo, fóra da ruptura co teosofismo, son pura lenda; Capelán demostrouno moi ben): ese medo, ese temor nace en 1917, e ese temor levouno á integrase no nacionalismo galego. E cando albisca que este é accesorio na loita contra a subida das clases subalternas, abandónao para continuar a defender as súas posicións políticas. O nacionalismo non fora para el, e para outros, simplemente máis ca unha barreira contra "a rebelión das masas".

Non, Risco non é, non pode ser un referente para un pensamento democrático. Nin para un nacionalismo-revolucionario democrático, e non repetirei as palabras de Sampedro. E non o pode ser porque o nacionalismo foi para el un instrumento para loitar contra a modernidade e, mesmo, contra a racionalidade burguesa democrática. Igual que no seu día fixeran os xesuítas educando as comunidades guaranís soamente no seu idioma.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de marzo de 2011