O X Festival Alternativo de Artes Escénicas de Vigo (Alt) chega á súa recta final cunha traca de espectáculos que ofrecen olladas particulares e diferentes sobre os procesos artísticos e os modos de crear. Os madrileños Los Torreznos, encargados da parte deste ciclo que se desenvolve na rúa, levarán á Praza da Constitución e ao Auditorio do Concello as performances (hoxe e mañá, 19.00 horas) El Cielo e El Desierto, nas que Rafael Lamata e Jaime Vallaure poñen en práctica o seu costume de traballar os asuntos do cotián.
A Biblioteca de cuerdas y nudos, onde o valenciano José Antonio Portillo (Marco, 19.00 horas) fala cos seus libros é a segunda proposta desta tarde, que se pechará co coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín, quen presentará en El estado crudo (Auditorio do Concello, 21.30 horas), unha arriscada combinación de traxedia e exposición pública dos sentimentos. "A enfermidade, a hipocondría, as alerxias son o resultado de non atreverse a ter inimigos; a estas alturas do baile todos sabemos algo diso. Afronta o drama de vivir en estado cru", escribe Martín na presentación dunha montaxe que incide na improvisación do movemento e da luz. O iluminador Octavio Mas e o vestiario de La Canalla acompañan ao bailarín.
Versión de 'Hamlet'
A sevillana Macarena Recuerda manipula obxectos mediante stop-motion para narrar unha autobiografía audiovisual. That?s the story of my life é o título que predí unha sorte de álbum familiar; porén, a artista require a colaboración do público para enfiar recordos desordenados que exhibirá no Auditorio mañá (21.30 horas). Despedir a primeira década do Alt corresponderálle á compañía madrileña Kaputt, que achegan a esta edición outra compoñente habitual do festival: unha versión de Shakespeare. O vindeiro domingo presentarán Hamlet (Auditorio, 19.00 horas), no que mesturan violencia, humor, poesía e erotismo para reinterpretar este clásico desde a danza contemporánea e formas teatrais orientais.
Por outra parte, o Festival Isto Ferve 2011, da sala Ensalle, alcanza esta fin de semana o seu ecuador cos Cambaleo, un dos piares da escena contemporánea española. A compañía da que forman parte os irmáns Antonio e Carlos Sarrió, na escrita, dirección e interpretación, estrea El mapa no es el territorio.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de marzo de 2011