Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
EPISODIOS GALEGOS | Luces

O último que non apague a luz

Contra a porta, o visitante puido ver na noite unha botella de leite "tan virxinal como pola mañá". Non había sinais de vida no interior. E o visitante preguntou a unha veciña, unha muller idosa, de cabelo cano, e esfarrapada no vestir.

-Onde está?

-Quen?

-O dono do leite. Durme aínda?

-Non -dixo ela en voz baixa-. Emigrou hoxe mesmo.

-E deixou o leite aí?

-Si.

-E deixou a luz prendida?

-E logo non a ve?

O visitante alucou pola fenda da porta. Enriba da mesa había aínda un prato con resto de patacas.

A veciña engadiu :

-Pois si que deixou a luz prendida. Pero que máis ten: non lle van enviar o recibo a Australia!

Isto que relato en breve pertence a un anaco dunha xoia da literatura vadía. O Diario irlandés, de Heinrich Böll. O escritor alemán, autor das máis coñecidas Opinións dun pallaso ou O honor perdido de Katharina Blum, e que acadaría o Nobel en 1972. Manexo unha xeitosa edición, a que publicou en 1998 Galaxia Gutenberg, e que ten un epílogo de Domingo García-Sabell no que traza con finura e chispa o paralelismo histórico entre Galicia e Irlanda.

Un fenómeno común sería, por exemplo, o doublethink, iso de pensar unha cousa e dicir outra, e que viría a ser unha manifestación inconsciente da persecución idiomática e do acantonamento cultural. O concepto de doublethink foi desenvolvido por George Orwell na ficción de 1984, que é algo máis que unha novela. Sería unha ferramenta mental decisiva no réxime totalitario da Neolingua, onde as cousas, dende o poder, tamén significan o contrario do que nomean.

Ese pensamento dual estaría emparentado con outra semellanza que adoita darse no comportamento verbal. Iso que García-Sabell chama "a xeografía da contradición": a verdade como mentira ou viceversa. E el pon un exemplo: "En mi tierra dos amigos se encuentran. El uno le dice al otro: '¿Vas mañana de viaje?'. 'Si', contesta el interrogado. '¿Adonde?'. 'A Lugo'. A los dos días, nuevo encuentro. El pesquisidor aborda el tema de la excursión. 'Anteayer me has engañado'. '¿Por qué?' 'Pues porque me dijiste que ibas a Lugo y fuiste a Lugo".

Ben. Estamos nunha especie de apoxeo da "xeografía da contradición". É dicir, na Galicia de hoxe, de xeito absurdo, a xente di que vai a Lugo e vai a Lugo.

Iso non debería ser así. Anula a nosa competencia defensiva. Fódenos a ferramenta do doublethink. Inhabilita o recurso do "dobre pensar". Métenos de cabeza, en pelota picada, nun mundo terríbel onde a xente di que vai a Lugo e vai a Lugo. Ou que vai a Coruña e alí vai, tan campante, pola Coruña. É todo tan contaxioso que estamos indo a onde dicimos que imos. Eu mesmo quedei en ir a Betanzos e vou ir a Betanzos.

Haberá xente que pensa que iso ten de ver coa verdade. Mais non. Non é así. Esa forma de proceder é unha inflexión. Unha manifestación máis do malestar retrógrado. Unha submisión ao inevitábel. A imposición do unidireccional.

Iso estamos a sufrilo como unha peste na relación dos cidadáns co poder. Podiamos falar de contextos máis amplos, mais Galicia nese aspecto está a ser unha triste vangarda na destrución dese espazo de liberdade que viña a ser a "xeografía do contraditorio".

-Entón vostede protesta porque un conselleiro di que vai a Lugo e vai a Lugo?

-Home, claro! De ir, que fora a Mondoñedo.

Neste contexto, quen pense que o político que di que vai a Lugo e vai a Lugo é un bo gobernante non está a entender nada do que pasa. O que necesitamos é a deriva, a rectificación. E mesmo o valente recuar. Mais non.

Eles din que van a un sitio e van ao sitio. Xusto onde dixeron que ían. Non é iso un desastre? Que marxe temos contra a fatalidade?

Por exemplo, botouse abaixo o plan eólico porque disque era unha bicoca para algunhas amizades perigosas do Bloque. O Tribunal Superior de Galicia vén de sentenciar que a adxudicación era legal. Cos cartos públicos, os aguiachos van ter que pagar indemnizacións millonarias. Mentres tanto, Galicia perdeu o liderado, o tempo, os postos de traballo!, o pulo da industria local (conserveiras e centrais leiteiras), cando ía camiño de ser un modelo nas enerxías renovábeis. Autocrítica? Ningunha. Se dis que vas, pois vas. E segues nas mesmas.

Outra máis. Europa vén de mandar un serio recado á Xunta. Un auténtico ultimato pola súa nefasta política ambiental. Por unha banda, non se incrementa a Rede Natura e mesmo se albiscan usos permisivos que van contra a súa natureza. Pola contra, téñense feito verdadeiras falcatruadas, como a campaña a favor das explotacións mineiras. Para facelas máis simpáticas! Era a intención declarada. Mais se as empresas queren mellorar a imaxe, que paguen elas a campaña e non que se faga con diñeiros públicos. Polos cravos de Cristo, se non chega o orzamento para atender a vellos en extrema pobreza, a que pagar a propaganda da megaminería, que é o sector hoxe máis rendíbel e que non restaura ningún espazo, ao que está obrigado? E que dicir dos intentos de modificar a lexislación de costas? Para volver ás mesmas e aínda máis na xeografía do terror? E que dicir desa teima en ocupar lugares sagrados da costa e mesmo o interior das rías. Dise que se vai a Touriñán e vaise a Touriñán. Por que esa teima en levantar a man contra a propia terra, contra os seus espazos simbólicos.

O gran Jean Améry, resistente, preso nos campos de exterminio nazi, escribiu unha obra titulada: Levantar a man contra un mesmo: discurso sobre a morte voluntaria.

Neste mundo inestábel de cobiza e rapina, que é o mellor que ten Galicia? O seu territorio. O tesouro das rías (algunhas pendentes de saneamento). A enerxía. E dende logo, a xente. Mais a xente non se anova. E a xente moza emigra. O último, por favor, que non apague a luz.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 8 de abril de 2011