Este mes de xuño, o escenario do Teatro Ensalle de Vigo está reservado para as novidades absolutas. Tres compañías emerxentes, radicadas na cidade ou constituídas por artistas galegos vencellados á escena local, formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad), ou antigos alumnos da sala viguesa, protagonizan o ciclo Vigo en bruto. "Vigo é especial e parece que vai camiño de selo máis se se consuma o peche da Sala Nasa, coa que partillamos unha programación contemporánea e de xente nova", comenta Pedro Fresneda, codirector do Teatro Ensalle, quen pon os medios técnicos do espazo teatral e a loxística a disposición destes artistas no inicio das súas carreiras, "porque nada máis empezar non te chama ninguén".
Tamén hai unha evidente motivación de poñer condicións para a existencia dun futuro: "É unha obriga da sala atender aos lugares dos que sairán linguaxes dentro de 20 anos, cómpre estarmos pendentes deles". Na denominación do ciclo concorren factores como a falta de experiencia dos artistas, a ausencia de patrocinios para o certame e un sentimento de afouteza en todas as partes: "A nosa aposta é pequena, porque só programamos; a das compañías é enorme, porque ousaron emprender un traballo sen saber se poderían mesmo estrear".
A outra metade do Ensalle, a actriz Raquel Hernández, asistiu á presentación do traballo co que Fran Buceta e María Rojo se licenciaron na Esad de Vigo, en novembro do ano pasado. Aquela proposta con ecos de Rodrigo García e de Angélica Lidell é agora a montaxe s/t (domingo), en cartel desde hoxe até o vindeiro domingo, e cuxo título evoca os xogos do artista cubano Félix González Torres, quen adoitaba colocar os rótulos entre paréntesis logo dos enigmáticos sen título. A estrutura da obra toma como partida a combinación de textos e de silencios arredor dunha idea poética sobre "os pensamentos que explotan o domingo, día de obrigado descanso, tras unha semana chea de obrigas", explica Buceta. As pasaxes sonoras de Berio Molina son unha incorporación recente que "enriquecen o aspecto do estar".
A seguinte proposta vén asinada polas actrices Laila Álvarez e Niki Campos, que se encontraron na Escola do Teatro Ensalle. Na procura de novos formatos, o dúo leva tres meses tecendo fragmentos de discursos escritos por George Carlin, Eduardo Galeano e Stéphane Hessel, coa música en directo e mailas ilustracións do pianista Tedy e os vídeopoemas de Geksha para crearen Sinergia, que se estreará a vindeira fin de semana.
s/t (domingo) e Sinergia son máis que primicias: son o debut das compañías áIntemperie e La Taberna Ambulante. O porriñés Rubén de Marina e a súa agrupación, Fotosíntesis Teatro, pecharán o festival no lugar onde o actor descubriu a súa vocación verdadeira cando asistía a un curso de teatro. Ao Ensalle regresará logo de representar Bruxismo, primera parte dunha triloxía, en espazos de microteatro e salas de estar de casas particulares en Galicia e Madrid, onde agora reside.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 3 de junio de 2011