A Cidade da Cultura acolleu durante toda a semana un encontro de artistas que trataba de promover o intercambio de ideas e experiencias entre creadores que dan os seus primeiros pasos no mundo da arte e outros cunha certa traxectoria nas súas costas. EL PAIS xuntou a dous artistas novos, a pontevedresa Nuria Villa e o estremeño Domingo Martínez, con dous máis veteranos, o compostelán Ruben Ramos Balsa e o manchego José Luis Serzo. Este foi o resultado do diálogo que trenzaron entre eles.
Pregunta. Por que ser artistas nun momento de crise?
Domingo Martínez: A arte é algo que me interesou dende pequeno. Por suposto que nos está a prexudicar esta etapa de recortes porque semella que a cultura é o primeiro que hai que recortar, pero quizais a crise sirva para esturruxarnos máis a mente e sermos máis creativos.
"A crise lévache a procurar a colaboración con outros artistas"
"Non está mal que haxa moitos centros. Hai que enchelos de contido"
Nuria Villa: Dedícome á arte porque me fai feliz. Na miña casa dinme que faga o que queira e sempre me apoiaron. En tempos de crise hai que procurarse máis a vida, pero sempre aparece unha saída.
José Luis Serzo: Atopámonos nun momento histórico. Creo que camiñamos cara a un novo paradigma e temos que aprender dos erros cometidos. De todos os xeitos, se volvese a nacer e me atopase coa crise faría o mesmo que fago agora. Estragamos as cousas cando non estamos no noso sitio. Entón é cando comeza a podrecer o sistema. Se todo o mundo é feliz co que fai, pode facer feliz aos demais.
Rubén Ramos: A crise é resultado do noso coñecemento, construímola nós. Na miña opinión, a arte ten que xogar un papel central e achegar novas perspectivas. Estou de acordo en que asistimos a un cambio de paradigma. Pola miña banda, o que intento é que a produción da miña obra non dependa dos vaivéns do mercado.
P. Hai sinais de que o sistema actual da arte (galerías, museos, mercado) poida mudar ou mesmo desaparecer?
J. L. S. Penso que ese sistema está en crise e de feito hai galerías que están pechando, aínda que tamén abren outras. En todas as crises hai cousas que hai que deixar morrer, pero ao mesmo tempo xorden outras, coma é o caso de Internet, un novo medio de comunicación cheo de posibilidades tamén para os artistas. Creo que imos cara a un paradigma máis artístico e máis emocional despois dunhas décadas nas que mandou o pragmatismo e as ideas mercantilistas.
R. R. Atopámonos inmersos nunha crise ética. Na arte existe unha xerarquía de poderes e nós somos os últimos da cadea cando somos os executores das obras. Moitas veces os méritos lévanos os críticos e os comisarios. O noso sistema baséase no consumo, pero o interesante que ten a arte é que en principio facela é de balde.
J. L. S. O intermediario é o que habitualmente leva a tallada e no mundo da arte pasa o mesmo. De todos os xeitos, vimos dunha época onde todo o mundo levou o máximo do negocio que tiña diante.
P. Os artistas novos atopan facilidades por parte das institucións para levar adiante os seus proxectos?
D. M. A gran dificultade que atopamos é o financiamento para producir. Co tema da crise tratamos de facer os proxectos dun xeito máis económico e os medios dixitais axudan, porque son máis baratos. A falta de cartos provoca tamén que procuremos novas formas de traballar, mesmo aforrando nos materiais.
N. V. A crise nótase ata na facultade en que estudei en Madrid. Ultimamente non tiñamos nin augarrás para limpar as mans. Tamén hai recortes nas bolsas, nos premios, nos orzamentos dos proxectos. O positivo e que isto che leva a colaborar con outros amigos artistas.
J. L. S. O tema das axudas institucionais depende moito do tipo de artista. Cadaquén debe elixir o seu camiño. Hainos que son máis tipo director de orquestra e outros máis intimistas. Eu sempre apostei pola auto-produción e a verdade é que non sei nin como é o proceso para pedir unha bolsa.
R. R. A situación da arte é complexa. Creo que en xeral os artistas botamos en falta un colchón intelectual potente e temos que loitar con cousas como o feito de que te vas fóra e o único que recibes dende España son críticas. Creo que hai moito individualismo e poucas ganas de traballar en grupo.
D. M. Creo que iso está mudando. De feito en cidades como Madrid comezan a xurdir casas ocupadas por artistas onde se fala de cooperar na construción de centros expositivos dirixidos por eles mesmos.
N. V. Pola miña experiencia podo dicir que é moi positiva a colaboración, porque superas as túas propias lagoas coa axuda de amigos que poden ensinarche como facer determinadas cousas. En Madrid hai iniciativas deste tipo.
P. Quizais hai moitos centros e museos convencionais e poucos espazos para que expoñan os novos artistas.
J. L. S. En principio non está mal que haxa moitos centros de arte, o que pasa é que hai que enchelos de contido.
R. R. As institucións deberían estar atentas ás cousas que se están a cociñar, hai que prestar atención ás cousas que fan as novas xeracións.
Un diálogo que aspira a consolidarse
O coordinador das xornadas, o exdirector do Musac e comisario independente Rafael Doctor, mostrábase onte moi satisfeito co resultado do encontro que termina hoxe. "Os debates prolongáronse moito tempo máis alá do previsto e ao final houbo 60 artistas novos que presentaron os seus proxectos nas xornadas, cando inicialmente estaban previstos 30. O balance xeral é moi positivo", indicou Doctor.
Durante os cinco días que durou o encontro, os cen artistas novos seleccionados para participar no mesmo puideron escoitar a creadores destacados do panorama artístico galego e español coma Ruben Ramos Balsa, Daniel Canogar, José Luis Serzo, Marina Núñez, Suso Fandiño, Victoria Diehl ou Pierre Gonnord. Polas xornadas tamén pasaron os directores do Marco de Vigo e do CGAC de Santiago e a responsable do Macuf de A Coruña.
Doctor salientou que os artistas novos mantiveron diálogos moi intensos cos invitados ás xornadas e, ademais, ao longo das mesmas tiveron a oportunidade de defender (moitos por primeira vez) os seus proxectos ante un auditorio de artistas novos coma eles.
"Algúns dos asistentes indícaronme que as xornadas resultaron máis productivas para eles que todo o curso académico na facultade de Belas Artes", explicou o coordinador, quen agarda que as xornadas poidan ter continuidade nos vindeiros anos. "Polo resultado obtido penso que a experiencia debe repetirse", engadiu Doctor. Durante os cinco días que duraron as xornadas, o centenar de artistas participantes conviviron no albergue do Monte do Gozo e tiveron a oportunidade de coñecer os principais museos e centros de arte da comunidade autónoma.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de septiembre de 2011