Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Crónica:Luces

A pesar das subvencións

Contaba Freud o chiste dun xudeu que lle pide cartos a outro. Máis tarde o prestador descubre ao amigo a papar unha mariscada e alporízase. "Disme que non tes cartos e véxote a comer marisco!". "Que pasa?", retruca o outro, "antes non tiña cartos e non podía comer marisco, e agora que por fin os teño... Tampouco podo? Cando raios vou poder eu comer marisco?". Ou escoitar a Filharmónica de Viena? A falta dun amigo que pague a mariscada, boa é unha subvención. Para o marisco hai que ter bo estómago, as subvencións teñen dixestión pesada.

O grao de intervención das administracións na cultura xera controversia e motivos non faltan porque é discrecional e non se limita aos equipamentos, senón que entra na valoración dos contidos e na xerarquización dos creadores. Enriba hai quen pensa que a única cultura boa é a cultura morta, e tamén pagan impostos.

O obxectivo das axudas é corrixir as distorsións do mercado

A política cultural será necesaria para a igualdade de oportunidades

A protección do patrimonio e a dotación de infraestruturas é obriga dos gobernos, que deben manter e dotar museos, bibliotecas, conservatorios, locais de ensaio, escolas dramáticas e de artes, de imaxe e son, unha orquestra nacional, un centro dramático, unha filmoteca... O Goberno debe habilitar circuítos sen que a consellería decida quen participa, circuítos que liberen aos artistas da burocracia e dos gastos e a loxística de montar palcos, conseguir permisos ou cobrar entradas. Estes gastos non son subvencións, son política cultural e un Goberno que non os atenda ou os presente como dádivas é un Goberno ruín.

O apoio público non discrecional é un contrapeso do mercado, que non conduce á liberdade senón ao afogamento da diversidade e á promoción do banal, pero non debe converterse en competidor ou substituto contratando espectáculos con forte demanda. Programar a Bisbal ou á París de Noia é competencia desleal cos promotores do sector, un dispendio que reforza o mercado. En Galiza, a Xunta non pode tampouco empequenecer o espazo das nosas producións, que compiten en desigualdade. Que veñan cando queiran os Stones, o Circo do Sol ou o Bolshoi. Serán benvidos e oxalá vendan tantas entradas que se animen a repetir.

O obxectivo é corrixir as distorsións do mercado. Non se trata de facer menos caro o caro senón de ofertar o que non leva ao beneficio inmediato. Subvencionar unha función da Frauta máxica, que custaría 80 euros e pasa a custar 40, suponse que axuda aos menos ricos. Pero se estes non acoden, o resultado é que os pobres subvencionan a entrada dos ricos, coma se lles axudasen a mercar o iate, e de paso musealízanse as artes e conséguese que a Tradición actúe como peso, non como estímulo. O economicismo opta por un número limitado de produtos xigantescos, reducindo os custos. O minoritario xamais atopará un oco nese combate. Ninguén discute que hai bo cine fóra de Hollywood, aínda que non atope onde proxectarse. Fornecer esas pantallas independentes non é subvención, non facelo é irresponsabilidade.

A política de subvencións e prebendas: viaxes, galardóns, presenza pública..., mesmo aplicada con vontade imparcial, provoca sospeitas de clientelismo e de que cada billete concedido leva atado un fío. Se o criterio é laxo, as axudas van a proxectos sen valor, se é restritivo exclúense proxectos que moitos consideran valiosos. Non hai término medio. Se o reparto non o fai unha comisión, se é directamente político, as sospeitas tórnanse certezas. As subvencións arromban a reflexión crítica e favorecen os dispostos a pasar polo aro dos formularios. Un simple burócrata ten posibilidades de acadar a axuda, un artista que non trague coa burocracia non ten ningunha: unha subvención non se consuma se dous non queren.

Os comités de expertos deberían deixar paso a funcionarios que apliquen táboas obxectivas. Modelos hainos: a adquisición de libro galego para bibliotecas, antes universal, ou o programa de traducións, no que se dividía o montante entre os que cumprían os requisitos, criterio que o PP prefire substituír pola calidade ou o interese especial da obra, condicións que, polo visto, non reúne o Ulysses de Joyce.

Vivir da arte non é un dereito, é unha sorte para quen consegue que o público pague polo seu traballo. Para os demais é unha afección. A política cultural sempre será necesaria para a igualdade de oportunidades. As subvencións, pola contra, deben deseñarse para que se faga innecesaria a súa continuidade. Se non se consegue, manteremos animais de zoolóxico: alimentados, ociosos e presos, incapaces de valérense ou de aportar nada de valor á especie. Na segunda xeración, os animais xa non saben que están presos, chegan a pensar que os presos son os de fóra, que non teñen acceso á protección do parque zoolóxico. Como nos gustaría abrirlles as portas para demostrarlles que no exterior as especies sobreviven a pesar dos zoolóxicos, igual que a arte sobrevive a pesar das subvencións!

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de septiembre de 2011