A Manuel Manquiña non foi o movemento do 15-M o que o inspirou para o seu novo espectáculo que estrea esta noite no Teatro Colón da Coruña. Malia titularse O indignado. "Iso é cousa do meu oportunismo", di, "todos temos dereito a indignarnos, uns indo a protestas, outros ocupando un edificio e outros, coma min, coa comedia". Foi descubrindo, o pasado verán, a decadencia do Imperio Romano e o seu protagonista Heliogábalo cando xermolou no cómico a idea de canalizar a súa irritación pola situación nunha sátira.
"É unha crítica cruel contra o poder político que non deixa monicreque con cabeza", asegura horas antes de subir ao escenario onde tratará de demostrar, tirando da historia "desde Nerón a Zapatero" e dun paralelismo entre Gran Bretaña e España, "tres máximas bárbaras: o mellor candidato non é o mellor gobernante, o mellor gobernante é o que non cumpre o seu programa electoral, e canto máis corrupto e déspota sexa o gobernante, máis pegada deixa na historia".
A menos dun mes das do 20-N, o monólogo non pode ser máis de actualidade. "Aínda que Zapatero fodeume un pouco co adianto electoral", ironiza. Tira con bala contra todo tipo de políticos, e intenta recuperar para "a arte, que se domesticou, o espazo da crítica e da libertade que os políticos ocuparon". Pero recoñece que as súas invectivas van máis contra a esquerda que contra a dereita "porque analizo a situación tras oito anos de Zapatero".
Berlusconi e Baltar
A súa crítica á dereita política céntrase en Berlusconi, ao que corta un traxe por "colocar a súa xente como o presidente da Deputación de Ourense". Pero Manquiña pasa no bico dos pés sobre Mariano Rajoy, ao que só fai referencia burlándose da nena da campaña de 2008. É o presidente do Goberno o onmipresente. A conxelación das pensións, a prohibición de fumar nos bares, a redución da velocidade máxima nas autopistas, todo serve a Manquiña para pór en rídiculo ao Goberno socialista.
Ainda que tamén espera que o seu espectáculo "cun humor ao borde do abismo" sirva de revulsivo para que a xente tamén asuma a súa parte de culpa polo que pasa. "Ou ti mesmo te recortas ou te quedas sen traballo, os traballos deben xerar cartos por se mesmo", reivindica o cómico ao valorar a redución das subvencións públicas para a cultura.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Sábado, 22 de octubre de 2011