Tagen Ata sería coma calquera outro país asoballado, pero até entón non soara con música de Pink Floyd. Púxolla en 1974 o cineasta Eloy Lozano (Ourense, 1953-Santiago, 2009) no seu debut como director. Hoxe a historiografía considera aquel Retorno a Tagen Ata a primeira curta galega en 35 mm. Precaria adaptación -sen son directo, mal dobrada- da novela que Xosé Luís Méndez Ferrín escribira durante o seu paso polo cárcere da Coruña a finais dos sesenta, publicada por Castrelos en 1971, proxectouse onte no Teatro Principal de Ourense. Foi no marco do 19º Festival de Cine Internacional, certame que o propio Lozano axudou a construír e do que se puxo inicialmente á cabeza. Forma parte, canda outras cinco pezas, dun ciclo que conmemora os 20 anos de vida do CGAI, a filmoteca galega.
"O malo é que a sociedade ourensá lle deu as costas", di Manuel González
A peza, apenas 17 minutos rodados na Merca e A Valenzá, recrea o regreso de Rotbaf Luden á terra da súa familia para entrevistarse co líder do movemento de liberación nacional de Tagen Ata no interior. O enigmático Ulm Roam, personaxe no que moitos viron un trasunto do omnipresente Ramón Piñeiro, comunícalle á moza que a loita rematou. Terra Ancha está preparada para concederlle un estatuto de autonomía ao país, recoñecendo a súa lingua e delegándolle competencias sobre ensino e obras públicas. Non hai por tanto motivos para seguir nin para reivindicacións maximalistas. Fin da resistencia e a loita armada.
A que onte se proxectou en Ourense é unha nova copia. O negativo orixinal da película está no CGAI, onde a viúva do cineasta, María de las Cuevas, depositou a finais do ano pasado a meirande parte da súa filmografía, incluíndo imaxes desbotadas e brutos. E está aí a pesar do propio autor. "Quería queimala", recorda o historiador Manuel González, autor da entrada dedicada a Lozano no Dicionario do cine en Galicia. "Parecíalle malísima. Tiña un carácter tremendo, a verdade, pero non hai outra figura igual. O malo é que a sociedade ourensá lle deu as costas e o audiovisual nunca o entendeu".
Un visionado urxente da morea de cintas que garda o CGAI revela até que punto a relevancia extracinematográfica de Retorno a Tagen Ata oculta outras facianas dunha obra irregular pero atrevida. Velaí, por exemplo, os primeiros traballos documentais de Lozano, entre os que destaca a ollada política d'Os oleiros, unha fita presuntamente etnográfica de 1975 que deixa agromar na demora dos primeiros planos a memoria da represión en Galicia. "O máis singular", matiza González, "é que era capaz diso e de concibir a imaxe publicitaria de Adolfo Domínguez ou de reflexionar sobre a desfeita deste país en películas tan interesantes como a última que fixo, Quen son? [2008]".
A literatura foi, en todo caso, unha das grandes teimas de Eloy Lozano. Logo de adaptar a Ferrín e intentar, sen éxito, adiantarse a Gonzalo Suárez na posta en imaxes d'A esmorga, o ourensán volvería buscar no papel os argumentos para outras dúas producións. En Entrevista (1994), unha curtametraxe protagonizada por Fabiola Toledo e o pintor Antón Lamazares, acode ao brasileiro Rubem Fonseca. En Bellas durmientes (2001), a súa primeira e última longa de ficción, bota man dunha novela do primeiro Nobel xaponés, Yasunari Kawabata, publicada en galego como A casa das belas adormentadas (Rinoceronte).
Para Lozano, a súa adaptación de Kawabata era a última oportunidade de facer cine en Galicia. Arrastraba dende a mocidade -dirixira Tagen Ata cos vinte acabados de cumprir- a frustración de non poder rodar A esmorga. Confesáballo un par de anos antes de morrer ao historiador José Manuel Sande, que estaba a preparar un artigo sobre Parranda -a versión de Gonzalo Suárez en castelán- para o Diccionario de Cine Español e Iberoamericano da SGAE. Conseguira, recordaba na conversa, os permisos necesarios para a rodaxe, un acordo de financiamento con Morgana Films e mesmo o interese de Alfredo Landa para a terna de protagonistas masculinos. Quería rodala en galego e con cámara en man, como unha road-movie existencial. Nunca chegaría a empezar.
O autor ourensán deixou documentais en 16 mm -Os oleiros (1975), El castaño (1979) ou Manzaneda (1979)-, incursións experimentais de animación -Numeralia (1990)-, a recuperación d'O carro e o home (1940) de Antonio Román e varias achegas aos campos da arquitectura e a arte -4 escultores (1988), Idea e Territorio (2002) e pezas sobre Boltanski ou Jorge Barbi nos noventa. A maior parte da súa produción, porén, desenvolveuse na publicidade. Os spots para Adolfo Domínguez, Cabreiroá ou o Xacobeo 99 tamén se conservan no soto do CGAI na Coruña, talvez como o reverso amargo do cineasta, e da cinematografía, que nunca conseguiron filmar a Blanco Amor.
Repaso urxente ao cinema galego
O ciclo co que o Festival de Cine Internacional de Ourense homenaxea o CGAI ilustra a través de seis curtas os tres grandes momentos do cinema galego. Finisterrae Galicia (1936), de Carlos Velo, a primeira das que se proxectan esta noite no Teatro Principal a partir das 20.00 horas, invoca o fértil escenario que xeraron en España a chegada do sonoro e a proclamación da II República. Retorno a Tagen Ata (1974), Mamasunción (1984) e Viúda Gómez (1984), de Eloy Lozano, Chano Piñeiro e Xavier Villaverde respectivamente, representan a complexidade do panorama que se abriu en Galicia coa morte de Franco: experimentación, disidencia e videocreación, mais tamén a indisimulada expectativa dun cinema industrial propio. Por último, Contar (1994) de Teo Manuel Abad e O matachín (1996) de Jorge Coira, as fitas máis recentes, pertencen xa ao remol que quedou daquela ilusión dos anos setenta e oitenta: unha cinematografía modesta, profesionalizada e moi escorada cara á televisión.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Sábado, 22 de octubre de 2011