Se se mira para a sociedade con perspectiva histórica un pode acabar por concluir aquilo que se lle atribúe a Disraeli: "As cousas ao final sempre se acaban por compoñer máis ou menos mal". Porén, cando un vive nun tempo e nun país concreto, ás veces é para desesperar. O próximo domingo o electorado escollerá entre o que se lle ofrece e seguramente escollerá para gobernar aos que máis dano lle fagan. E non é porque non estean avisados, fano porque queren, porque pensan que é o mellor. Isto é: para saír da crise temos que sufrir, o sufrimento é a moeda que temos que pagar para que nos permitan logo ir vivindo. Os países de por aquí son medoñentos e na súa inseguridade agochan a tendencia ao sadomasoquismo.
O noso país descansa nunha 'omertá' que te permite vivir se non te enfrontas ao poder
Esas sociedades acomplexadas e inseguras son as preferidas polos seus amos, mais son as máis perigosas para quen teña unha disidencia. E penso nas declaracións nestas mesmas páxinas dun arquitecto, ten nome e chámase Pedro de Llano, nas que relataba como foi marxinado até o extremo profesionalmente, e en consecuencia tamén persoalmente, por terse posicionado públicamente contra a Cidade da Cultura, un deses disparates que nos caeron enriba e nos esmagan. Se o que relatou é certo, e mais é, daquela a vida pública, política, económica e cultural do noso país é antidemocrática, descansa nunha omertá que te permite vivir sempre que non te enfrontes ao poder. É así de claro.
Tamén iso pode ser visto con perspectiva histórica e sociolóxica e pode concluír que nunca choveu que non escanpase. Porén, cando un vive nun país concreto como ese, ás veces é para cagarse en todo.Porque, claro que as sociedades mudan e hoxe é mellor que hai 50 anos, pero iso non empece que as persoas que viven ese tempo concreto teñen responsabilidade nesas condutas colectivas.
Nestas décadas da autonomía, o poder político foi malversado, utilizouse para buscar comprar a vontade da xente. Como acontece sempre, peca o que quere pecar. O diñeiro público, que debera ser un diñeiro liberador das persoas, foi o instrumento para corromper. Aquí nos campos profesionais relacionados coa cultura houbo moitas vontades compradas e tamén persecucións dos disidentes. E nesas persecucións iniciadas desde o poder político participaron as institucións, os xornais e finalmente, co asentimento ou co silencio, participou moita xente. Así que, "non che digo nada, pero vaia!".
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de noviembre de 2011