Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Culturgal busca ser o 'fogar' da industria cultural

A idea de servir de fogar común dos creadores do país impregna o espírito do Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais, que estrea hoxe a súa cuarta edición. Esa casa común pretende ser durante a fin de semana o Pazo da Cultura de Pontevedra, distribuído en seccións que imitan as dunha vivenda, dende o salón, punto de reunión e conversa do mundo editorial, ata o garaxe, espazo para as tecnoloxías da información e o audiovisual.

Tras a espantada da Xunta en 2009, foron os propios colectivos de profesionais os que se asumiron a organización da Feira en 2010, coa constitución da Asociación Cultural Culturgal. Máis de 14.000 visitantes acudiron entón a Pontevedra. Nun contexto de recortes en todos os eidos, os responsables presumen este ano de conseguir aumentar a participación do sector, con máis de 70 expositores e 120 entidades. Iso malia a lixeira caída do orzamento, que queda arredor dos 270.000 euros, aportados na meirande parte pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O obxectivo, máis que consolidar as cifras de asistencia de público, será afondar na calidade. "Non queremos entrar na carreira de cifras na que estás obrigado a aumentar un 15% os visitantes cada ano porque se non non tes éxito", sinala Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal.

Espello do sector

Espello dun sector que supón preto do 2% do PIB de Galicia e dá traballo a 17.500 persoas, Amigo fai fincapé no carácter transversal da vertente profesional da feira. "Buscamos o interese común que une ós gremios e formatos innovadores". Salienta Amigo o Pecha Kucha, sistema de presentación express no que as ideas se presentan a través de 20 diapositivas, amosadas cada unha durante outros 20 segundos.

Este ano apóstase con forza polas actividades en familia, con obradoiros para nenos e participación de estudantes da comarca. No espazo faiado, as propostas da cultura "marxinal" desenvolveráse paralelamente á escritura dunha novela colaborativa por parte de Camilo Franco no salón, por onde tamén pasarán para conversar sobre literatura Manuel Rivas, José Luis Cuerda ou Domingo Villar. O lar cultural tamén ten patio, con propostas musicais, teatrais e de danza. Este ano, ademais, a oferta supera o foro do Pazo da Cultura e alcanza ó casco histórico pontevedrés, escenario de roteiros e actuacións musicais.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 2 de diciembre de 2011