Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Unha estética bolañesa

Como isto do teatro ten o aquel de se perder no tempo, non deberiamos esquecer que o noso mellor dramaturgo foi tamén un enorme director de escena.Na súa biblioteca encontramos moito Brecht, bastante Meierhold, Piscator, Boal, Artaud, Grotowski ou Barba, algúns cómics do underground dos setenta e poucos estudos literarios. Froito deste interese, son os mellores espectáculos de Antroido (Bailadela, Percival).

As viaxes a Madrid, París e Londres, o gusto polos musicais e a paixón cinéfila revolucionaron a súa estética, sempre atenta á experimentación de novas fórmulas, desde o realismo (Saxo tenor) e os xogos específicamente teatrais (Rosalía) até a metateatralidade postmoderna (no caso de Rastros ou Animaliños). O coidado sentido do ritmo e a esixencia na calidade actoral facilitaban o éxito das montaxes de Teatro do Aquí e do Centro Dramática Galego nas que levaba o mando. Actorazo, sutil iluminador, dramaturxista afouto, protocineasta; a historia esixiranos unha interpretación integral e multidisciplinar da súa herdanza artística.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 16 de diciembre de 2011