Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Intoxicados polo teatro

Carlos Santiago e Afonso Becerra comparten, nos seus últimos libros, a procura doutras linguaxes dramáticas

Dous actores son contratados para un espectáculo sen texto nin dirección. Non reciben máis orde que a de seguir os seus propios impulsos. Noutro lugar, dous homes e dúas mulleres móstranse diante do público sen facer nada. Pagáronlles só por estar alí. En ambos contextos xorden dúbidas. É a liberdade agardada só unha quimera? Cal é a forza que predetermina os actos humanos?

Estas dúas escenas poderían formar parte da mesma historia. Pero non. A primeira é o punto de partida de Abraço de ferro, o libro de Carlos Santiago que acaba de publicar Através, -selo editorial da Associaçom Galega da Língua. A segunda pertence a unha das pezas integradas en Dramatículas, (Laiovento), a última obra de Afonso Becerra. Os autores escolleron a mesma data para presentar estes títulos, nos que revelan, máis que nunca, a cerna da súa escrita dramática. Os seus libros amosan confluencias en cuestións fundamentais e compartidas tamén por moitos outros dos que, coma eles, están "intoxicados" polo teatro, diría Artaud.

"O teatro evidencia as autoilusións, a liberdade, por caso", di Santiago

Becerra entende a palabra "como son" e busca "a sensorialidade"

Carlos Santiago di que Abraço de Ferro é para el como unha "tese doutoral", agromada da súa experiencia nas universidades da Sala Nasa e do Teatro Acert de Tondela (Portugal). O desenmascaramento da opresión é alicerce deste texto, como noutras obras súas como Ratman, Au Gaciar ou Ascensão e Queda de Zé Grotewski. "O teatro ten a capacidade de evidenciar as autoilusións coas que nos movemos. Unha é a democracia, cada vez máis pervertida. Outra é a suposta liberdade", explica. Nun mundo no que, palabra de Grotewski, Deus podería ser unha multinacional, a prensa sensacionalista ou o FMI.

Baixo un discurso de matriz política e social, a obra de Carlos Santiago ten un fondo existencial. Conflúe, nisto, con Afonso Becerra, pois a precariedade da existencia e a incomunicación entre os seres humanos son piares de Dramatículas, como antes as súas pezas Agnus Patris e Crio-Xénese. "Hai algo que me obsesiona", asegura Becerra, "é o medo que nos dá a acción". Carlos Santiago tamén ten as súas teimas, neste sentido. Só que o conflito no que máis se centrou é o dos galegos consigo mesmos, que retratou en Finlandia.

"En Finlandia están as esquizofrenias que nos constitúen como pobo: o conflito coa lingua, a cultura, a política... Eu aprópiome, de forma irónica, dos conceptos de paranoia e esquizofrenia de Deleuze e Guattoni. O Estado español sería a paranoia, e as culturas periféricas a esquizofrenia, pois teñen un soño de botar a andar, de fuxida, do que a paranoia non quere saber nada", indicou. E no medio desta dialéctica atópanse a precariedade laboral, o nepotismo e a corrupción política, o cinismo...

Malia as diferenzas no estilo, as obras de Carlos Santiago e Afonso Becerra amosan outros puntos en común. Un deles é a pegada que nelas deixou o activismo cultural. A asociación A Pipa de Becerreá coas súas Noites Poéticas, ou Ónfalo Teatro, no caso de Becerra. E a propia compañía Chévere ou Burla Negra, no de Santiago. A busca de xeitos diferentes de entender a linguaxe dramática é outra cara do compromiso de ambos. "O teatro pénsase para levalo a un escenario. Por iso entendo a palabra como son, busco a sensorialidade", apunta Becerra.

A traxectoria de Carlos Santiago está tamén ligada á música. Experimentou ademais coa poesía en Metalurxia. Aínda que a súa pescuda vai alén do encontro entre xéneros. "Unha das técnicas que máis uso é o distanciamento brechtiano", sostén. Os dous autores comparten referentes. Becerra recoñécese debedor de Artaud, de Bernhard ou de Diderot. Santiago cita, ademais, a Beckett -co seu "humor negro"-, a Dario Fo, a Brecht ou o stand-up americano.

Se Carlos Santiago mirou moito, en toda a súa carreira, a Portugal, Afonso Becerra fixo o mesmo con Cataluña. E cada un desenvolveu sensibilidades diferentes, pero non contrarias. Becerra reivindica o valor engadido do texto dramático como literatura. Santiago rexeita a percepción literaria do texto teatral, aínda que aclara que o libro Abraço de ferro ten un significado especial para el pois, dalgún xeito, é un recoñecemento "ao traballo que fixeron moitos actores galegos en Portugal".

Becerra protesta polos recortes da Xunta en cultura, como o que afecta á Revista Galega de Teatro. Santiago reivindica que "se nalgunha década alguén se decide a facer política cultural en Galicia", lle preste a Portugal a atención que merece por ser unha "cultura irmá" coa que a "normalización da relación cultural xa está feita", ademais de que "é a mesma lingua". Unha das súas últimas obras, Vegetal, escribiuna para Portugal. Agora prepara unha novela, a súa segunda entrega de prosa despois de Acantinado.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 16 de diciembre de 2011