Limitar o debate do idioma no que se expresan os profesionais no espazo sociosanitario á língua non deixa de ser un interesado reducionismo. Mesmo podemos falar de sectarismo, corporativismo ou clasismo. O corpo humano é o primeiro e o máis natural dos instrumentos. Pero é a sociedade a que fai que as técnicas propias deste intrumento se diferencien segundo quen sexa a comunidade e o momento histórico que lle toca vivir.
Hai uns meses a un paisano do medio rural galego tiveron que amputarlle unha perna; o membro inferior dereito, segundo a linguaxe biomédica. Dorinda, a súa muller, tocáballe tres semanas despois a consulta de revisión co seu psiquiatra. Ao presentarse enloitada e con moitas ganas de parolar, de narrarse, tivemos que adicarlle algo máis dos dez minutos que como moito nos dá o Sergas para cada consulta. Explicaba que por mor do trascendental evento (para a Casa e para a Parroquia) tivera que aumentar as pastillas que hai dous anos lle receitara para darlle un chisco máis de ansia e coutarlle a pena (tristeza é expresión moderna, de manual americano, moi pouco galega). Xa é ben sabido que no momento actual en Galicia consumen máis psicofármacos os rurais cós urbanos, e tamén se suicidan máis.
Na Galicia actual consumen máis psicofármacos os rurais cós urbanos
Volvendo ao conto, vainos dicindo que o amputado cónxuxe, Pigmenio, xa está ben e vaise afacendo á cadeira de rodas. Foi varias veces ao cemiteiro e ela pensa que mesmo fala coa súa ex perna. Certo que as peripecias polas que tivo que pasar até conseguir soterrar a perna no panteón familiar non deslocen nada comparadas cun relato de García Márquez. Pero este caso tan chocante non deixa de ser unha caricatura do que acontece a diario coa accesibilidade cultural dos galegos aos hospitais e, en menor medida, tamén aos centros de saúde. Tremendo, silencioso choque cultural no que é secundário que o médico fale castelán ou galego.
Ese día percibín a unha Dorinda fachendosa. Á fin conseguira gañar unha prolongada liorta burocrática que atrasou o discreto velorio e o comunitario acto fúnebre. Defendía un rito tradicional que aforra moitas pastillas, que serve de compensador e mesmo penso que diminúe boa parte das dores do membro pantasma. Sorpresa inicial do cirurxián cando lle comunica a Dorinda o éxito da intervención e esta, logo de darlle as grazas, di que quere levar a perna. Desaparece o médico e mandan vir a unha traballadora social, e ao ver a insistencia da usuaria fai unha consulta telefónica e comunica que precisa chamar a unha funeraria. Resolto o da funeraria e asignados unha morea de papeis, mandan a un celador, que lle di que até o dia seguinte non a pode levar porque precisan antes que a perna vaia a Anatomía Patolóxica. Resignación... A todo isto, o Pigmenio íase recuperando e mantíñano informado dos percances. Ás oito da mañá, Dorinda xa estaba chamando ao teléfono de Anatomia Patolóxica. "Colle unha señorita e cando pregunto se está xa lista a perna do meu marido, case me desmaio, porque me di: 'Señora, aquí hai un montón de pernas e sabe Deus cal é a do seu home". Resolve este último atranco botando man dunha recomendación. Pero como non se fíaba quixo ver a perna antes de metela no caixón. Quedou tranquila porque, aínda que esbrancuxada e chea de negróns, unha vella cicatriz que o Pigmenio tiña enriba do xeonllo deulle a garantía.
O crego a penas puxo atrancos e velaron a perna no velador parroquial. Tradicionalmente os estudos sobre o corpo sustentábanse na vella dicotomía natureza-cultura. Favoreceu isto que a biomedicina desde unha situación de importante poder, colaborase no esfarelamento da cultura galega que era monista, non dualista. Do mesmo xeito que cando unha persoa ingresa nun hospital o desposúen da súa roupa, tamén lle quitan silenciosamente gran parte da súa cultura e o ubican nunha situación de anomia. Sen embargo, esas vellas aproximacións teóricas de cariz existencialista que entendían o corpo biolóxico como o corpo real están dando paso a outras visións que entenden o corpo basicamente como produto social e polo tanto altamente moldeable e inestábel. Mesmo nalgúns contextos modernos xa se fala de sociedade somática, que non deixa de ser atinado se nos referirnos ao corpo individual, ao político, ao medicalizado, ao sexual, ao de consumo, ao do Sergas. Pero estes corpos teñen moi pouco que ver co de Pigmenio, co de Dorinda e co da maioría da súa parroquia.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 10 de octubre de 2008