- MICRO E MACROECONOMÍA, túpese o queimador dunha caldeira e o fontaneiro, o chumbista, aclara que é porque a refinería ou Repsol non lle botaron o aceite que lle habían botar. Qué lle habemos facer, a comparanza entre o a nosa economía doméstica co poder e o tamaño financieiro desa xente paralízanos.
- E AGORA VEÑEN OS RUSOS e por moito que se poña para arriba o presidente de Repsol seica lle van comprar un cacho da compañía. A nosa vinganza é rusa.
- "RUSIA", ESE NOME tan cargado de cousas que se nos veñen á mente. O nome dese país soaba, e aínda soa, asociado a cousas tráxicas, perigosas: o comunismo. E con dicir o comunismo xa se dicían todas as desgrazas e perigos.
- TAMÉN FOI ESPERANZA para millóns de persoas no mundo, sobre todo para os que loitaron e perderon a nosa guerra. Que ninguén esqueza iso. Outra cousa é que a vida se burle da xente que deposita as esperanzas cegamente, ferozmente en calquera cousa (o Gulag inventárono os tsares e multiplicouno a Unión Soviética. Os verdadeiros pesadelos non se soñan, ocorren na realidade do día a día).
- "¡RUSIA ES CULPABLE!" foi o berro do fascismo español que imaxinou Dionisio Ridruejo e berrou Serrano Súñer. Desde aquela Rusia cargou con todas as culpas, foi o criminal do mundo.
- ESA XENOFOBIA RUSA é a que aínda anda estes días tras moitas das alertas e ameazas que se oen sobre a compra dunha parte de Repsol por Lukoil.
- ASÍ E TODO NON PODEREMOS EVITAR que cando oiamos dicir "Rusia" non nos chegue dun lugar da nosa memoria unha sombra e un arreguizo.
- INVENTOS: OS PANTALÓNS. Deben de ser mellor invento que a fregona pois agora usámolos todos, todas. Vexo a esa anciá ben abrigadiña co abrigo e os pantalóns por debaixo. Hai vinte, dez anos non os poría, levaría saia cunhas boas medias e carpíns por dentro da bota. E aí a está, ben abrigadas as pernas.
Hai moita tontería con tanto trebello electrónico: a verdadeira modernización atópase nos pantalóns das vellas. Que vivan as vellas e mais que vivan os pantalóns, ese grande invento de toda a humanidade.
- ENIGMAS: OS KLEENEX. A ver: hai que usalos unha única vez ou pódense reutilizar? (Non estou certo, paréceme que hai división de opinións sobre o asunto en cuestión).
- E QUE FACEMOS COS PANOS DA MAN? Pódense utilizar para fungar os mocos ou xa non, só para limpar unha mancha de graxa na camisa ou para limpar os lentes?
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de diciembre de 2008