O caso da revista que edita o poeta e filósofo Emilio Araúxo é á parte. Tras a experiencia de Noitarenga, onde publicou en galego obra de Badiou inédita no Estado -o pensador do comunismo xenérico foi un dos seus mestres en París, canda Derrida ou Althusser-, desde finais dos 90 edita pola súa conta Amastra-n-gallar, unha revista con reflexións ao fío, cartas, opúsculos e calquera caste de fragmento vencellado á idea de "seguir bifurcando sen vitrinas que visitar".
"Un principio de devasa, amastragallar na terra de Caldelas. Gallar, a decisión de seguir bifurcando, facer resoar o pulmón dalgunhas cesuras e compartir algunhas rupturas. Compartir", explica.
A tirada non adoita exceder os 200 exemplares, que se esgotan enseguida, e a periodicidade cambia. Os últimos números, aínda en 2009, consagrábanse a Bernard Noel e Philipe Beck. A colección de libriños de cartón que saen co selo Amastra-n-gallar é outra mostra do espírito desta edición non venal. Alí publicaron, para non ser vendidos, desde María do Cebreiro ou Lupe Gómez a Anne-Marie Albiach ou Royet-Journoud. "É un xesto para subliñar que presente, hoxe, hai, aquí, é esforzo de pensamento. Non busco orientación nas categorías do cultural, ficar a distancia das institucións foi condición desta experiencia. Fóra, entón, da apacible cultura".
MÁS INFORMACIÓN
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de septiembre de 2010