Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:

Cultura sen axuda

Malia o tópico administrado dende certas instancias, hai vida á marxe das institucións

"Sen estarmos á marxe, non poderiamos facer o que facemos", resume a xente de Estaleiro Editora. Así evitan a lóxica do sistema, "esa que consiste en incorporar todo ao seu modo de funcionamento". Na inminencia dun outono que agoira recurtes escandalosos nos orzamentos de Cultura, coa consellería priorizando as actividades "máis rendibles", a lóxica desagregada da economía afundirá empresas e reducirá a presenza simbólica da cultura galega, Mais isto non afecta a quen vive no territorio do afóra. En Estaleiro, que publicou fragmentos do diario carcerario de Gramsci, ou a prosa autobiográfica de Bobby Sands, cóidanse de facerlle o caldo gordo ao Goberno: "Se todos os gobernos apoiasen a cultura galega, aceptar subvencións non sería un problema, porque é un dereito", sinalan, "pero na situación actual crea dependencias: agora que este Executivo recurta as axudas, as editoriais entran en crise".

Iso, ou simplemente aforrar caneos da burocracia, é o que motiva ao cineasta Alberte Pagán a facer cinema sen pedir nada, anque agora poida beneficiarse de axudas a posteriori. Para Berto Yáñez, "aquí repartiuse peixe moitos anos, cando o que cómpren son canas de pescar". O creador de Chuza! -o sitio de novas en galego xerarquizadas polos lectores, a piques de resucitar con nova supervisión-, non aforra críticas a quen se limita a recibir, mais remarca a responsabilidade política: "Non se poden repartir cartos sen estratexia, a quen non os precisa ou de xeito tendencioso politicamente".

Nun país onde o investimento público en artes plásticas, escénicas e musicais é un 4% do total cultural -a media en España multiplica por seis a galega-, e onde o gasto cultural per capita nos concellos pequenos excede por pouco a metade da cobertura estatal, o que está en cuestión non é só a caída do apoio público á cultura. O poeta e filósofo Emilio Araúxo, editor de Amastra-n-gallar, fala de políticas anteriores aos refugallos do welfare state. Do apoio mutuo que si é autoaxuda e da usurpación da lingua da cultura. "Se a revista non se fai para vender é porque é para compartir. Ficar a distancia das institucións, fóra da apacible cultura, foi condición desta experiencia".

Na esteira do activismo, como antropólogo e como artista sonoro, Chiu Longina di que o colectivo Escoitar.org xa é unha institución. "E nós mesmos, así é como nos sentimos. Incluso pensamos que se todos os cidadáns tivesen este tipo de sentimento cara ás institucións públicas, moito mellor irían as cousas".

Os axentes sociais e culturais pronto han denunciar os recurtes públicos nos seus negociados, pero iso non está no pensamento do rapeiro Hevi, que prepara novos temas con Malandrómeda. "Eu non teño estrés ningún porque non vivo disto", di. Do que quizais se deduza que calquera estratexia civil debera superar as protestas sectoriais por separado.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de septiembre de 2010