Os filmes de Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) transcorren en Nicaragua, Arxentina, Zimbaue ou o Sáhara. Pero nunca, até agora, contaron con subvención pública. "O tipo de axudas que había non se adaptaba ao que eu precisaba nin servían para o meu método de traballo", considera, "implicaban moito papeleo, moita burocracia, e darte de alta como autónomo".
O cinema de Pagán afástase da convención guión, produtora, actores, montador, estrea en sala, paso a deuvedé. "Funciono acumulando imaxes", relata, "ben sexan experimentais, documentais ou de ficción; o filme xorde despois, durante o tempo da a montaxe". Talvez por iso non lle resulta doado falar do seu proxecto en curso, adscrito á ficción e, por vez primeira, con subsidio procedente da Xunta. "Trátase dunha subvención a traballo entregado, non se entremete no proceso de creación da fita: cando rematas, páganche a axuda", explica. Esta caste de financiamento, habitual noutras cinematografías e axeitado para obras fóra do canon hexemónico, impide calquera interferencia externa no resultado final.
MÁS INFORMACIÓN
Recoñecido co Premio Román Gubern de ensaio cinematográfico por Bs. As. (2007) -no que trata a emigración galega en América- e con Tanyaradzwa (2009) -tres horas, pantalla dobre, rodada en Zimbaue- aínda nos circuítos preocupados polo outro cinema, o activo cineasta proxectará, o 5 e o 8 do outubro no Festival de Ourense, a peza Puílha 17 janeiro 2010 15:33 h. Con versos dun poeta saharaui e imaxes rexistradas nos campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria) preparou Asahra Hurratun! [Sáhara libre!] e, amais, axiña porá a circular os 20 minutos Eclipse.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de septiembre de 2010