A sabendas de que a rebeldía é unha actitude sedutora, o Museo Verbum-Casa das Palabras de Vigo vén de estrear unha exposición con dobre motivo: sumarse ao Vento Lois de homenaxes ao autor celebrado polas Letras Galegas este ano e atraer aos adolescentes cunha das escasas propostas culturais concibidas especificamente para este sector de idade.
Lois Pereiro. Lírica Punk é o suxestivo título da exposición que se poderá visitar no museo de Samil até finais do vindeiro mes de xuño. "Ademais dun xogo de iniciais, a frase recolle a nosa propia visión da fondura sentimental e do espírito loitador e cosmopolita do punk que a poesía de Lois Pereiro comparte", resume Sonia Díaz, unha das comisarias da mostra. O tren Atlántico Expreso vai guiando ao espectador a través da obra, da vida e das referencias culturais que marcaron o universo creativo de Lois Pereiro.
"Recuperouno a xeración posterior", din as comisarias de 'Lírica Punk'
MÁS INFORMACIÓN
Os contidos expositivos estrutúranse en cinco paradas nas que conviven tres niveis discursivos: metáforas visuais coas ideas forza da obra de Pereiro, as súas etapas creativas e un cronograma no que se recollen algunhas das súas influencias e que son "unha árbore infinita", apunta Díaz.
As últimas paradas ofrecen ao público a oportunidade de consultar as obras publicadas neste ano de celebración e de escoitar a voz do poeta nunha das súas últimas intervencións públicas. "Quixemos facer desta exposición unha experiencia", afirma a outra responsable de LP Lírica Punk, Beatriz García. Contra o remate do percorrido, propóñenselles aos visitantes xogos sinxelos realizados a partir dunha escolma de poemas, nos que mesmo cabe a reescritura dalgúns dos versos de Pereiro, como os de Car Crash (Da morte en negativo). E, baixo o epitafio do autor, "unha húmida mensaxe de vida e furia necesaria", todos están convidados a deixaren os seus comentarios e interpretacións sobre a exposición e os temas do amor e a morte que pairan sobre ela. A tese das comisarias, exposta nun dos capítulos de LP Lírica Punk, é que, máis cós seus coetáneos, "foi a xeración posterior quen recuperou a figura do poeta Lois Pereiro con máis paixón".
O derradeiro apartado é, simbolicamente, unha estación destino coa que se pretende alongar a vida do proxecto. Un taboleiro dixital na sala conecta aos usuarios directamente co portal http://loispereiro.blogaliza.org, para que o vendaval os acompañe.
De igual maneira, anque dun xeito máis modesto, a exposición biobibliográfica inaugurada onte no Museo do Pobo Galego, ata o 5 de xuño, traslada a Santiago parte dos documentos orixinais do poeta prestados para a ocasión por Xosé Manuel Pereiro. A mostra percorre a súa traxectoria poética e vital a través de monografías e revistas pertencentes á biblioteca do Museo. Entre os materiais cedidos están o pasaporte, o mecanoscrito orixinal de Éter ou mecánica de espectros, título provisional do que había ser o seu primeiro libro (logo Poemas 1981/1991, publicado en Positivas), que logo quedou en poema, a páxina de tradución para dobraxe da película Love me tomorrow e mecanoscritos con apuntamentos a man dos poemas.
A pequena mostra biobibliográfica do Museo do Pobo Galego inclúe tamén extractos de revistas como Luzes de Galicia, Dorna e La Naval. E o máis parecido a un grupo artístico nominable en vida no que chegara a militar Lois Pereiro. O das Fuerzas Atroces del Noroeste no seu desembarco na Universidad Internacional Menéndez Pelayo en 1986.
* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 13 de mayo de 2011